Programas

Dinamización da Lingua Galega

A filosofía educativa do noso centro está marcada polo seu carácter plurilingüe. Este compromiso garante a competencia plena nas dúas linguas oficiais e, ao mesmo tempo, a adquisición dun coñecemento útil en linguas estranxeiras ao final do proceso educativo.

As súas liñas de actuación están recollidas no Proxecto Lingüístico de Centro.

En relación coa lingua galega, o seu fomento vai moito máis alá do que marca a normativa legal vixente. Ademais das materias impartidas obrigatoriamente en galego, téñense adoptadas medidas para que o alumnado que non teña suficiente dominio das linguas poida seguir con aproveitamento as ensinanzas que se lle imparten.

Somos conscientes da necesidade de que o noso alumnado adquira de forma oral e escrita a competencia lingüística propia de cada nivel e etapa nas dúas linguas oficiais de Galicia.

Na etapa de Infantil poténciase o uso das dúas linguas mediante unha serie de actividades axeitadas á etapa na que se atopan tales como xogos de carácter audiovisual, cancións, adiviñas...

Na Educación Primaria, ademais da progresiva consolidación e perfeccionamento da lingua oral, prodúcese a aprendizaxe sistemática da lingua escrita. Lectura e escritura son dúas ferramentas lingüísticas que se van desenvolvendo e consolidando no transcurso da mesma.

Na ESO e no Bacharelato todo este proceso de aprendizaxe adquire forma definitiva, potenciando o emprego das novas tecnoloxías, alentando o seu uso cotián e eliminando os prexuízos lingüísticos existentes.

Este curso, como centro plurilingüe, queremos seguir apostando por unha achega máis estreita do ensino á vida real e continuar integrándonos nun sistema educativo en continuo movemento e actualización; no que a mellora da aprendizaxe nas competencias comunicativas do alumnado nas diferentes linguas sexa para eles unha verdadeira oportunidade de futuro e sexa, tamén, punto clave da nosa calidade educativa como centro.